Thursday 16 de May de 2024

En marcha as obras de mellora da envolvente do edificio anexo ao Concello de San Sadurniño


O investimento total no inmoble, que levará tamén nova calefacción, supera os 176.000 euros

O Concello de San Sadurniño xa iniciou hai varios días os traballos de renovación exterior do edificio municipal que alberga a escola infantil e máis o centro de empresas. Unhas obras centradas en mellorar o illamento para que o inmoble sexa máis eficiente desde o punto de vista enerxético, pero tamén para corrixir as pequenas filtracións e humidades que deslucían o seu interior. O proxecto, cofinanciado pola achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, está cuantificado en 132.500 euros. Del está encargándose a construtora Guerreiro Somozas S.L., que nesta fase da execución -e a pesar do mal tempo- acelera no posible o forrado exterior do edificio antes de rematar a fachada, os laterais e a parte traseira. En paralelo, o Concello tamén lle adxudicou a Jocar Coruña en algo máis de 44.000 euros a subministración e instalación dun novo sistema de calefacción de biomasa co que rebaixar o gasto en combustible.

De acordo coas características técnicas do proxecto, toda a parte exterior do edificio anexo á Casa do Concello levará un illamento térmico con paneis ríxidos de poliestireno que xa se están instalando. Son grandes pezas lixeiras que recordan pola súa feitura e aparencia os bloques cos que os esquimais constrúen os iglús, e ata teñen a mesma función: repeler o frío e a humidade exterior e manter o máis constante posible a temperatura interior.

As pezas de corcho branco recubriranse despois cun morteiro acrílico de cor branca, a mesma que ten agora un edificio onde tamén se instalarán celosías nos ventanais que regulen a radiación solar, coa función de cortar a calor excesiva no verán e aproveitar cada raiola no inverno.

A maiores da renovación da envolvente, na que se investirán 132.564,27euros, o edificio levará unha caldeira de biomasa mediante pellets en substitución do sistema do actual de calefacción, alimentado con gas. O cambio pretende aforrar custes en termos económicos e ambientais, xa que se prevé unha importante redución nas emisións de CO².

O funcionamento será totalmente automático -alimentación, regulación da chama e limpeza- e poderá controlarse desde móbil ou táblet, de modo que o mantemento presencial se reduza ao mínimo posible e, en todo caso, á carga da tolva de pellets -con capacidade para 4 toneladas- e ao baleirado do depósito de cinza cada certo tempo.

A subministración e instalación deste novo sistema de calefacción para a EIM A Rolada e o Centro Municipal de Empresas foille adxudicada á empresa Jocar Coruña en 44.165 euros, impostos incluídos. Sumando esta contía á da obra na envolvente resulta un investimento total de 176.729 euros, que o Concello sufragará nunha parte importante coa achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local habilitada este ano pola Xunta de Galicia. A San Sadurniño correspondéronlle 186.000 euros, cos que tamén se financiaron melloras na rede de abastecemento de auga centradas na instalación de válvulas intelixentes e un sistema de monitorización que permita detectar fugas.

Obras no patio cuberto do CPI
Ademais destas obras en marcha, o Concello de San Sadurniño tamén ultima os traballos de mellora no patio de Educación Infantil do CPI. Alí instalouse unha cuberta metálica con grandes paneis acristalados que protexan a rapazada das inclemencias do tempo durante os recreos. O recinto tamén leva chan de caucho totalmente novo.

O importe total da obra ascende a 66.732,56 euros e neste momento só está pendente o remate do pavimento e a ampliación da parte exterior con céspede artificial. Este proxecto conta con 40.000 euros de financiamento autonómico a través da convocatoria de axudas para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais, que neste caso se orienta á mellora das instalacións de xogo para o seu uso por parte da rapazada e das familias tamén fóra do horario lectivo do centro.